Sin categoría

O Sergas ampliará as urxencias do hospital da Barbanza

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, asinaron hoxe un convenio de cooperación entre o Servizo Galego de Saúde e o concello, para a execución das obras de ampliación das urxencias do Hospital da Barbanza, a fin de dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da colectividade, mediante unha máis rápida atención asistencial á cidadanía. No acto estiveron presentes o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a xefa territorial de Sanidade na Coruña, Cristina Pérez Fernández; o xerente de Xestión Integrada do Sergas para este área, Luis Verde Remeseiro, e os alcaldes dos concellos da área de influencia deste centro hospitalario.
O alcalde de Ribeira, agradeceu a preocupación do Conselleiro e o seu equipo, Ruiz Rivas destacou que a sinatura deste convenio ratifica protocolo de colaboración acadado fai agora un ano entre o concello e a Consellería, polo cal a consellería demandaba do concello a urbanización do acceso ó servizo de urxencias.

O conselleiro de Sanidade destacou a importancia desta intervención, xa que a área que actualmente se destina ás urxencias, uns 650 metros cadrados no primeiro andar do hospital, ampliarase coa zona da explanada de acceso. As obras de reforma e ampliación desenvolveranse de forma sectorizada co obxecto de reducir o impacto no servizo e manter o seu uso durante a execución. Segundo indicou Almuiña, a superficie total da actuación é duns 1.000 metros cadrados, e pasa pola ocupación dunha parte do espazo exterior de acceso (parte cuberta) que se destinará a uso asistencial do servizo de urxencias, e unha zona exterior (sen cubrir), destinada ao acceso de ambulancias.
Tal e como recolle o convenio asinado, o Sergas comprométese a acometer as obras e actuacións de construción, acondicionamento e adaptación.
Unha vez se execute esta intervención, poderase incrementar a actual dispoñibilidade de camas de observación na área de urxencias do Hospital, tendo en conta a demanda de dito servizo, para facilitar a actividade dos profesionais e en beneficio dos pacientes.
Esta actuación é un claro exemplo, -remarcou Almuiña-, do que se pode conseguir cando existe colaboración entre diferentes administracións públicas en beneficio da cidadanía á que nos debemos, polo que manifestou o seu agradecemento ao alcalde e ao conxunto da corporación municipal.

Salir de la versión móvil