O domingo a Consellería de Cultura e Educación levará ata o concello de Outes as propostas de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Os protagonistas da función serán Os Bolechas que, a menos dun mes do inicio das Olimpíadas 2016, seguen a espallar o espírito olímpico pola xeografía galega.
O domingo, a función poderá gozarse na Casa da Cultura de Outes ás 20:00 horas.
O espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ está pensado para gozar en familia a partir dun tema de plena actualidade, xa que en breve, a comezos de agosto, inícianse no Brasil os Xogos Olímpicos 2016. Neste contexto, os seis famosos irmáns creados por Pepe Carreiro requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e, deste xeito, venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.
A participación que busca esta proposta non se limita ao día do espectáculo, pois ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ ten continuidade a través das TIC, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas .