A Xunta iniciará nos vindeiros días as expropiacións para a conexión da VAP Brión-Noia en Portobravo e contratará as obras no próximo mes para comezar este ano a súa execución

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, desprazouse esta mañá ata Noia onde presentou ós veciños e ós alcaldes de Lousame e Noia, María Teresa Villaverde, e Santiago Freire, respectivamente, o proxecto da conexión da VAP Brión- Noia, en Sampaio- Portobravo.
Trátase da construción da nova infraestrutura viaria que parte da estrada AC-311, na Fialla, e remata en Portobravo, na estrada que vai de Augasantas a Noia (AC-308). Neste punto de inicio proxéctase a construción dunha glorieta; e tras os 860 metros dunha nova estrada, na Fialla, está prevista a execución dunha segunda rotonda.
Vázquez Mourelle destacou que esta vía de novo trazado que discorre polo termo municipal de Noia, beneficiará directamente aos veciños de Lousame, xa que permitirá mellorar a comunicación entre a localidade de Portobravo e a vía de altas prestacións Brión-Noia. Engadiu que esta actuación suporá un incremento notable da seguridade viaria.
A titular de Infraestruturas explicou que coa nova infraestrutura os veciños e os usuarios, en xeral, poderán achegarse ata Portobravo por un itinerario máis seguro e máis áxil, e verán mellorado o tempo de desprazamento, ao reducirse en algo máis de 1 km a lonxitude a percorrer.

A conselleira salientou que con esta actuación estase a avanzar un paso máis no cumprimento dunha vella demanda dos veciños de Lousame, xa que a estrada que se vai executar é a primeira fase dunha actuación máis ambiciosa que busca conectar o Concello de Lousame coa vía de altas prestacións Brión-Noia, en Sampaio. Os alcaldes de Lousame e Noia agradeceron o cumprimento desta vella demanda, e destacaron que a construcción da glorieta posibilitará a contrucción de enlaces futuros e mesmo unha futura estrada de circunvalación en Noia.

As expropiacións comezarán nos vindeiros días e a contratación das obras no próximo mes coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), o que permitirá iniciar a súa execución neste ano.
Os traballos contarán cun investimento da Xunta de arredor de 1,3 millóns de euros, para os que xa está reservada unha partida específica nos orzamentos deste ano e tamén para exercicios futuros.

O proxecto que se presentou hoxe é a parte máis importante, xa que se executa a parte completamente nova da vía e na segunda fase acondicionarase o camiño existente ata conectar coa antiga estrada Vidán-Noia (a AC-543). Neste sentido, o Goberno galego decidiu priorizar esta actuación, precisamente por tratarse dunha infraestrutura de novo trazado, que pode resultar máis complicada, pero que é a de maior utilidade e a que maiores beneficios lle reporta a veciños e usuarios.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.