O orzamento municipal para o exercicio 2016 incrementouse un 6% máis respecto ao ano pasado

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, presentou esta mañá o orzamento municipal do Concello para o exercicio 2016. O importe total do mesmo incrementouse ata os 21.492.596 euros, supoñendo un 6’08% máis que o ano pasado.

O rexedor valorou os presupostos como «os máis participativos da historia do municipio», ademais de facer unha forte aposta polo gasto social elevando esta partida en máis de 400.000 euros ata alcanzar os 1’7 millóns. Isto supón, polo tanto, unha subida do 31’75%.

Tamén sinalou que o Concello vai ser quen de seguir mantendo os servizo públicos e aumentar significativamente as partidas en áreas prioritarias como a de Servizos Sociais, na que, por exemplo, suben en 100.000 euros as axudas en dependencia.

Respecto ao capítulo de gastos, os dedicados ao persoal mantéñense nos niveis de 2010, subindo un 3% principalmente pola devolución da paga extra do 2011. Ademais, houbo unha importante contención no pago en intereses.

Ruiz Rivas fixo fincapé naquelas axudas destinadas a maiores, escolarización e subvencións culturais, mais as subvencións dedicadas ás cinco entidades que no ámbito social operan no concello como é o caso de AMBAR, A Creba, Amicos, Faibén e Renacer. Así mesmo, as achegas de diversa índole á Festa da Dorna aumentarán nun 130% ata rozar os 30.000 euros, en tanto que os clubes deportivos verán incrementada a liña de subvencións no 8’48%.

No que se refire aos investimentos, hai un aumento do 18% ata chegar aos 2.925.666, dos cales os fondos propios do Concello aportan 900.000.

A modo de resumo, o alcalde salientou que melloran todas as ratios municipais. Así, redúcese a débeda en 15 puntos porcentuais; o aforro bruto é de 4’3 millóns de euros e o neto de 2’8 millóns. Sen esquecer que se cumpre a estabilidade orzamentaria cun superávit de 462.000 euros.

Solicitou «comprensión» en forma de aprobación ou abstención por parte dos diferentes grupos municipais á hora de debatelos no pleno do vindeiro 14 de xullo, ademais de subliñar que son uns orzamentos que corresponden a unha idea de conxunto máis que a da comisión de goberno.

https://www.youtube.com/watch?v=kOY7vdBoKKA

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.