Coa finalidade de mellorar a seguridade nos portos comerciais durante as operacións de descarga dos buques, a Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, ten instalado o control de accesos e sistemas de vixilancia, mecánica e presencial. Estes dispositivos xa se instalaron nos comerciais de Ribadeo, Viveiro-Celeiro, Burela, Cariño, Laxe, Brens-Cee, Ribeira e a Pobra do Caramiñal. Durante os últimos meses, Portos levou a cabo a instalación de peches e sistemas de control destes peiraos seguindo a normativa do código internacional de seguridade para a Protección dos Buques e Instalacións Portuarias (PBIP). O presidente do organismo portuario visitou esta mañá o porto da Pobra para dar conta da actuación executada polo seu departamento .
Con esta finalidade, foi necesaria a instalación de novas casetas para os vixilantes así como modificacións e adaptacións nos sistemas de control de accesos existentes ata o momento. En concreto, instaláronse casetas de formigón con dotación de abastecemento e saneamento e puxéronse en funcionamento barreiras e pilonas de control de accesos.
Durán Hermida explicou que a Consellería do Mar investiu 240.000 euros nesta dotación que se atopa xa en funcionamento.
Así mesmo, lembrou que o código PBIP foi implantado nos peiraos comerciais internacionais a raíz dos atentados do 11 de setembro en Estados Unidos e recolle para as dársenas ás que afecta unha serie de instrucións de seguridade tanto administrativas como operativas de obrigado cumprimento. A esta normativa da Organización Marítima Internacional (OMI) sumouse posteriormente a da Unión Europea, que mellora a protección dos portos e o transporte marítimo, tanto de mercadorías como de pasaxeiros.
O alcalde da Pobra, amosouse satisfeito ó coñecer que a prohibición do acceso á zona de descarga soio se efectuará durante as labores de descarga dos buques.
Ademais desta inversión o ente portuario continúa realizando melloras npos pantaláns da Ría de Arousa, onde se está a rematar coa colocación de fingers e brazos de amarre, a inversión ascende a 60,000 euros.
https://www.youtube.com/watch?v=r1bxCXmgCho