Os rapaces e rapazas da Ludoteca de Verán do Concello de Lousame, de entre 3 e 12 anos de idade, celebraron o pasado venres unha festa de fin de curso, aínda que o programa continuará operativo ata o inicio do curso escolar. Unha festa inicialmente prevista para a semana que vén pero que se adiantou para que puideran participar nela un maior número de pequenos.
E é que durante os meses de xullo e agosto, a Ludoteca de Verán do Concello de Lousame rexistrou unha media de corenta participantes. Un número de participantes que diminúe ata case a metade durante as primeiras semanas de setembro.
Esta iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral para estes meses de verán está integrada dentro do programa Lousame Concilia, un servizo de atención e coidado de menores que o Concello oferta en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade e co Fondo Social Europeo. O programa Lousame Concilia seguirá operativo durante o curso escolar, atendendo aos pequenos entre as 7:45 e as 9:45 horas. Máis información nos Servizos Sociais do Concello de Lousame (981 820 494).
http://youtu.be/e2IXHf15IkI