O Sergas dará cobertura sanitaria aos 325 menores saharauis que pasarán o verán en Galicia

A consellería de sanidade garante a cobertura asistencial durante o período vacacional dun total de 325 menores saharauis que se desprazan a Galicia dentro do programa Vacacións en Paz 2016.
Dende hai varios anos, numerosas familias galegas acollen nos seus fogares a nenos e nenas saharauis procedentes dos campamentos de refuxiados durante o período de vacacións de verán. Este ano, concretamente, a súa estadía comeza o 10 de xullo e remata o 10 de setembro.
No que respecta ás prestacións sanitarias, a colaboración establecida entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui inclúe a atención primaria, a atención especializada, e as prestacións farmacéuticas.
Na atención primaria, enmárcanse a atención sanitaria nas consultas, servizos e centros de saúde; a indicación ou prescrición e a realización de probas e medios diagnósticos; as actividades programadas en materia sanitaria como a vacinación, exames de saúde e outras medidas de prevención, promoción e rehabilitación; e, ademais, programas de atención á infancia e a urxencias.
Doutra banda, en canto á atención especializada, inclúese a asistencia ambulatoria especializada en consultas, que pode abarcar os procedementos cirúrxicos menores; a asistencia ambulatoria especializada no hospital de día, que abrangue a asistencia médica, a cirúrxica, a obstétrica e a pediátrica para procesos agudos, a reagudización de procesos crónicos ou a realización de tratamentos de procedementos diagnósticos que así o aconsellen; ademais da asistencia especializada en réxime de hospitalización.
Respecto da prestación farmacéutica, a colaboración establecida abrangue a dispensación prestada en réxime de internamento e a prescrita en réxime extrahospitalario.

https://www.youtube.com/watch?v=GDTIAT6knkU

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.