O Plan Ictus do Sergas reduce o tempo entre a identificación e o tratamento desta patoloxía

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou hoxe que o Plan Ictus do Servizo Galego de Saúde permitirá diminuír a mortalidade das persoas que sofren un ictus isquémico en Galicia. A través del, o Sergas diminuirá o tempo transcorrido entre o inicio dos síntomas e a chegada ao hospital, reducirá a demora na confirmación diagnóstica, adecuará o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais do paciente e coordinará a actuación entre os distintos profesionais.
En Galicia prodúcense ao redor de 7.000 novos casos de ictus cada ano, segundo datos da Sociedade Española de Neuroloxía. De feito, sinalou Vázquez Almuiña, está no Plan de Prioridades da Consellería de Sanidade porque é unha das causas de mortalidade na Comunidade Autónoma;

O Plan, explicou o conselleiro require unha estreita colaboración entre os servizos de emerxencias médicas, os centros de atención primaria e os hospitais comarcais, e os centros de referencia.
Neste sentido, cando unha persoa sufra algún dos síntomas de ictus, deberá chamar ben el ou ben algún acompañante ao 061. Estes síntomas resúmense en tres Fs: Fala (non ser capaz de dicir correctamente palabras simples), Forza (non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez segundos) e Faciana (non mostrar todos os dentes ao sorrir).
Nese momento, o médico deste organismo confirmará a existencia do ictus a través do protocolo específico, activará un código ictus e unha ambulancia recollerá ao paciente para o seu traslado ao hospital máis próximo, mentres a central do 061 avisa da súa chegada. Unha vez no hospital, terá acceso prioritario ao Servizo de Radioloxía do centro, onde se lle fará un TAC craneal de diagnóstico.
Os médicos de urxencias contactarán co Centro de Atención ao Ictus, que estará dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. Naqueles casos que polas súas características sexan susceptibles de fibrinolise (recanalización vascular), esta medicación será administrada no propio servizo de urxencias.

https://www.youtube.com/watch?v=53RwVvMg1fs

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.