A terceira edición do Festival Paisaxes Sonoras botou a andar co seu primeiro concerto. A iniciativa, impulsada pola Mancomunidade Barbanza Arousa, contou na súa estrea coa particular voz de Alice Wonder. A artista amosou a súa proposta nun escenario moi particular: a pobrense Aldea da Ponte, nas inmediacións da Praia dos Areos e do Xobre.
O público que asistiu a esta cita musical onde conflúen a música e a paisaxe gozaron da actuación de Alice Wonder, que presentou o seu último álbum. O festival continúa hoxe en Ribeira, xa que o entorno da capela de San Alberto acolle o concerto de Alba Reche, que deu comezo ás 20.30 horas. A artista, que se deu a coñecer no programa Operación Triunfo amosou os seus últimos traballos antes de lanzar o seu vindeiro EP.
Mañá será a quenda de Davide Salvado e Cibrán Seixo, que despregarán o seu repertorio nunha paisaxe especial: a antiga canteira situada na Praia da Retorta. O concerto comezará ás 20.30 horas, aínda que antes haberá unha cata dos viños Xirpín. E este ano porá o punto e final a Paisaxes sonoras Los Saxos del Averno. O pazo de Rianxiño, xoia arquitectónica do século XVIII, será o escenario onde o grupo pechará esta terceira edición de Paisaxes Sonoras.

