O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 4 bolsas de formación dirixidas a titulados de ciclos formativos en materia de acuicultura. Para a financiación destas estadías, a Consellería do Mar destina preto de 82.000 euros para as anualidades 2016, 2017 e 2018, co fin de fomentar a investigación e especialización en materia acuícola.
Estas bolsas de especialización post-formativa son para a realización de prácticas de xestión e produción de cría de bivalvos durante 2 anos no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) da Illa de Arousa. A Consellería do Mar aposta pola especialización do alumnado e por facilitar o seu acceso ao mundo laboral, de aí o seu interese en convocar estas bolsas.
As estadías serán en réxime de empresa tutelada, é dicir, os titulados realizarán as prácticas laborais nun ámbito de empresa ficticia, no que se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero na que a titularidade é da Administración responsable do proceso de formación.
Poderán optar a estas bolsas todos os alumnos titulados como Técnicos en Operacións de Cultivo Acuícola, Técnicos en Cultivos Acuícolas, Técnicos Superiores en Produción Acuícola e Técnicos Superiores en Acuicultura sempre que non fosen beneficiarios de axudas similares para o mesmo fin. O importe de cada bolsa inclúe unha asignación mensual bruta de 800 euros e a alta no réxime xeral da Seguridade Social. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar dende mañá e teñen que ir dirixidas á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, segundo o modelo que se adxunta no anexo da orde de convocatoria das bolsas publicada hoxe.
https://www.youtube.com/watch?v=jfGq_RNBmZY