A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio xunto coa de Política Social impulsan un novo programa de voluntariado ambiental que se desenvolverá na Rede galega de parques naturais. Esta atópase composta polo complexo dunar de Corrubedo, as Fragas do Eume, o Monte Aloia, a Baixa Limia-Serra do Xurés, o Invernadoiro, e a Serra da Enciña de Lastra.
O acto de presentación desta iniciativa tivo lugar en Ribeira e contou coa presenza do presidente da xunta consultiva do Parque Natural de Corrubedo, José Luis Torres Colomer, da directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, e a de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez. Ambas responsables puxeron en valor a colaboración entre os departamentos e destacaron a importancia que ten a transversalidade tanto nas políticas medioambientais como nas relacionadas coa mocidade.
Co fin de articular esta colaboración, ambas consellerías asinaron un convenio, en virtude do cal Medio Ambiente destinará 80.000 euros para a organización de actividades que divulguen o respecto ao medio ambiente. En concreto, ditas actividades distribuiranse en dous bloques. Por unha banda, o novo programa de voluntariado nos parques naturais, que recibe o nome de «Dinamizando o medio ambiente»; e, pola outra, dous campos de traballo de carácter medioambiental en Muíños e Ribeira.
https://www.youtube.com/watch?v=bPikLU3nVNU