A fin de semana vén acompañada de numerosas citas culturais na comarca: feiras gastronómicas, viaxes ao pasado, actuacións musicais e festas parroquiais encherán estes días o Barbanza. Hoxe deu comezo en Boiro unha nova edición do Mercado Castrexo, que permanecerá na rúa peonil do municipio ata o domingo. O programa inclúe diversas actividades e haberá ambientación na rúa e arredor dos diversos postos que haberá.
Tamén hoxe comezan as festas de Palmeira na que non faltarán inchables para os máis pequenos e festa da escuma. O pregón correu a cargo de Franco Pérez e a orquestra Miramar amenizará a noite. Mañá haberá un torneo 3×3 de fútbol e o tradicional enfrontamento entre solteiros e casados. O acto central será a procesión na honra da virxe do Carme, que terá lugar ás 20.15 horas. Os fogos de artificio e a discoteca Planet pecharán o domingo os festexos.
A Feira do Polbo de Porto do Son celebra mañá a súa 28 edición. Pulpería Velasco será a encargada de servir o polbo, reparto que comezará ao medio día e contará con música. Tamén se celebrará a tradicional andaina de 27 quilómetros, considerada de dificultade alta. O momento estrela da xornada será á noite, coa exhibición da escola municipal de danza anduriña.
E tampouco faltará o ton musical nestes días. Rianxo, máis concretamente a praia de Tanxil, acolle dende mañá unha nova edición do Rock in Rian. Cinco agrupacións pasarán polo escenario para amosar as súas propostas e tampouco faltarán talleres nin unha ruta de tapas e literaria que se suman á cita.
Noia tamén estará musicalizada co seu festival internacional de Jazz, que agrupará a numerosos músicos. A vila noiesa tamén ruxirá, xa que acolle a décimo terceira edición da concentración moteira Ría de Noia.

