O Concello de Boiro e un dos 18 municipio s galegos onde recalará o programa “Galicia Culturea” coa sesión de contacontos, O zapateiro e o raposo’. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá en Boiro acompañado polo rexedor boirense, Juan José Dieste; e mais pola responsable de comunicación de Edicións Bolanda, Teresa Rocamonde, esta nova actividade da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco das propostas lingüísticas que integran o novo programa ‘Galicia culturea’, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
‘O zapateiro e o raposo’ é unha actividade destinada ao público de todas as idades, nomeadamente ao familiar, que pon de novo en valor a oralidade en lingua galega e achega nunha escenificación baixo carpa os lances máis divertidos dos protagonistas da nova saga do zapateiro. A cativada participante nesta actividade de rúa recibirá cadanseu exemplar do libro do mesmo título para darlle continuidade á narración na casa. Chegará tamén durante xullo e agosto a 16 localidades da RDL: Bergondo, Boiro, Carral, Cabana de Bergantiños, Curtis, Santa Comba, Corcubión, Arbo, Mos, Salceda de Caselas, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Cospeito, Palas de Rei e Sober.
A actividade chegará a Boiro o vindeiro 18 de AGOSTO, ás 12:00 horas, no Parque da Cachada. O alcalde de Boiro Juan José Dieste agradeceu que escollese o seu concello para traer esta actividade, que achega ós mais novos a lingua duha maneira amena e divertida.
Con outra proposta de contacontos inspirada na obra homónima de Xosé Neira Vilas, o programa ‘Galicia Culturea’ réndelle homenaxe ao escritor para achegarlle ao público xeral e, nomeadamente, ao familiar con cativada dos 5 aos 10 anos, unha manchea de historias que recrean mostras da narrativa tradicional de comunidades dos cinco continentes. Chegará entre xullo e agosto a 24 localidades, entre elas, Noia e Ribeira.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove durante este verán este programa ‘Galicia culturea’ que inclúe espectáculos de maxia, obras de teatro, obradoiros, exposicións, concertos, entre outras, co obxectivo de reforzar as celebracións festivas e o ocio estival con preto de 600 actividades culturais e de dinamización lingüística en 166 concellos.
https://www.youtube.com/watch?v=rAJ4rIMN2sc