O campo da festa de San Roquiño, en Lousame, acolleu a máis de cincocentas persoas que participaron no tradicional concerto homenaxe a Prudencio Romo. O concerto comezou preto das 20:30 da tarde do domingo e rematou pasadas as 22:00 da noite, despois dun par de bises nos que o público presente se animou tamén a cantar, con temas como «Puerto de Compostela» e «María Soliña». A cita deste ano contou con grandes colaboracións debido á celebración do vinte aniversario da Banda de Música de Lousame, fundada polo músico noiés.
Así, destacou a participación das bandas de música de Lousame e de Outes, as cales actuaron xuntas e dirixidas por Fernando Froján, interpretando unha ducia de temas de «Los Tamara». De feito, Prudencio Romo foi director e membro fundador desta formación. Canda eles actuaron tamén os integrantes da Coral Polifónica de Noia e da Coral da Escola de Música de Rianxo. As cancións de «Los Tamara» foron intrepretadas polos cantantes Paco Lodeiro, Yolanda Vázquez, José M. Barreiro «Secho» e Fernando Docampo.
Por outra banda, o director da Banda de Música de Lousame, Fernando Froján, agradeceu o apoio do público, «especialmente porque as pezas non eran doadas de tocar e supuxo un importante esforzo para os músicos».
Pola súa parte, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, agradeceu a presenza de todos os músicos e cantantes. Ademais, fíxolle entrega dun agasallo a Fernando Froján con motivo do vinte aniversario da Banda de Música de Lousame, así como dun detalle a todas as agrupacións e cantantes participantes no certame. Especialmente emotivo foi o momento no que a viúva de Prudencio Romo, Agripina Sarmiento, recibiu un agasallo en nome de todos os presentes, que recolleu canda o seu neto Abraham, que participou como músico na actuación.
