Un total de 27 veciños da localidade canaria de Adeje chegaron esta mañá ao municipio de Ribeira despois de rematar o Camiño de Santiago. Esta iniciativa xurdiu de Zebenzui Chinela Linares, edil responsable da Concellería de Xuventude de Adeje, quen formou parte da expedición.
O grupo foi recibido no salón de plenos consistorial polo alcalde, Manuel Ruiz, quen estivo acompañado da primeira tenente de alcalde, Fabiola García, e polo concelleiro de Xuventude, Anxo Orellán. Chinela Linares, quen ten familia aquí, salientou a amabilidade con que os adejeros sempre son recibidos en Ribeira, cidade coa que están irmandados dende o ano 2003.
Pola súa parte, o alcalde destacou o agarimo co que a poboación ribeirense é recibida na localidade canaria. Tras explicar os vínculos desta terra co Apóstolo a través da ruta arousá da translatio, aproveitou a ocasión para amosar un novo vídeo turístico con algúns dos principais recursos cos que conta o concello.
Ademais, os visitantes tiveron a oportunidade de coñecer esta tarde a illa de Sálvora, unha das principais xoiais turísticas do municipio.
https://www.youtube.com/watch?v=iMRDvs2tUvc