Apenas chegou o verán e xa se rexistrou o primeiro incendio nos montes da comarca, un lume que comezaba a arder na Pobra as 10:20 da noite do martes e que calcinou 11.353 m2 de monte arborado entre A Crocha e o Inferniño. No lugar actuaron protección civil de A Pobra, Ribeira e Boiro, axentes forestais , policia local e Garda Civil. O operativo mantívose ata as duas da madrugada.
Grazas a que o vento se clamou durante a noite o lume non chegou ás vivendas da Crocha.
Todolos indicios apuntan a que se tratou dun lume provocado, cun so foco que comezou na parte alta do monte.
Precisamente esta mesma mañá o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, presidiu a reunión da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano, que estará operativa dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios.
O obxectivo da xuntanza, na que tamén participaron representantes da Subdelegación do Goberno, responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil, e membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, foi coordinar as actuacións que se levarán a cabo para previr os lumes e loitar contra a actividade incendiaria. Ademais, asignáronse as zonas de actuación dos diferentes corpos de seguridade do Estado.
Durante a reunión, onde tamén se fixo balance dos incendios rexistrados na última campaña, presentáronse os diferentes medios co que se contará para loitar contra os lumes, que no caso da Coruña conta actualmente cun dispositivo de prevención composto por 26 técnicos, 95 axentes forestais, 27 emisoristas, 22 vixilantes fixos, 34 brigadas e 34 motobombas da Consellería de Medio Rural, ademais dos 7 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Estes medios veranse reforzados de xeito progresivo durante a campaña de verán con 21 emisoristas, 10 vixilantes fixos e 66 condutores de motobomba da Consellería de Medio Rural. Ademais, contarase con 32 brigadas da empresa pública Seaga, 62 brigadas de concellos, 18 motobombas municipais, dous helicópteros coas súas brigadas helitransportadas nas bases de Lomba (Santa Comba) e Castromaior (Abegondo), e 3 avións anfibios na base de Labacolla.
https://www.youtube.com/watch?v=Lwxb8PPHyOI