A veda da centola e do boi na parte litoral que vai desde Cabo Corrubedo ata Cabo Estaca de Bares (na provincia da Coruña) e desde Cabo Estaca de Bares ata o Río Eo, incluíndo a Ría do Barqueiro (na provincia de Lugo) comezará pasado mañá, sábado, e rematará o vindeiro 27 de novembro na Coruña e o 4 de decembro en Lugo.
Así o especifica a resolución pola que se aproba o plan de xestión destas especies para a campaña 2016-2017, que establece o período de veda para este ano na provincia da Coruña dende as 00:00 horas do sábado, 2 de xullo ata as 00:00 horas do domingo, 27 de novembro. Na provincia de Lugo a veda prolongarase das 00:00 horas do día 2 de xullo ata as 00:00 horas do domingo, 4 de decembro. No caso da parte que vai desde Cabo Corrubedo ata A Guarda, na provincia de Pontevedra, a veda iniciouse o pasado 4 de xuño e rematará ás 00:00 horas do domingo, 27 de novembro.
O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións con artes menores e con porto base na nosa comunidade e tamén para aquelas que, tendo porto base noutras comunidades, teñan permisos especiais de pesca para faenar en augas galegas.
A veda é unha das medidas que contribúe a aumentar a biomasa e a regular a pesquería da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.
Apertura da extracción de nécora e do lumbrigante
O venres, 1 de xullo, ábrese a extracción da nécora e do lumbrigante en toda Galicia que permanecerá autorizada ata o vindeiro 31 de decembro. Arredor desa data publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Plan xeral de explotación marisqueira para 2017, que fixará a veda do ano que vén.
https://www.youtube.com/watch?v=unth_RnUu40