jueves, septiembre 28, 2023

O titular da Xunta presidiu o acto de presentación da exposición fotográfica Premiadas María Josefa Wonenburger Planells

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe, durante o acto de presentación da exposición fotográfica Premiadas María Josefa Wonenburger Planells, o compromiso do Goberno galego para, entre todos, seguir avanzando na conquista da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
Nesta liña, afirmou que exemplos como os das premiadas son máis actuais e necesarios que nunca.

Así mesmo, tamén afirmou que a figura de todas elas emprázanos a reparar na presenza feminina que actualmente rexistra o campo da ciencia, “onde vemos que aínda hoxe temos que rachar con moitos estereotipos”, dixo, recordando que a pesar de que a maioría do estudantado universitario está xa composto por alumnas, no curso 2014-2015 só un 25,9% dos matriculados en arquitectura ou enxeñaría son mulleres.
Neste contexto, aseverou que as premiadas exemplifican a necesidade da muller de sentirse libres para poder realizarse en ambas facetas da vida: na laboral e na familiar. E para poder facelo sen ter que renunciar a nada. “Penso que en nomes tan recoñecidos coma os vosos cobran visibilidade dúas palabras clave nesta loita pola igualdade entre homes e mulleres: a concienciación e a conciliación”, dixo.
Sobre este segundo punto, subliñou que as medidas postas en marcha pola Xunta como a Tarxeta Benvida, o Bono Coidado e o incremento das prazas de garderías están orientadas a axudar a compatibilizar a vida profesional coa laboral e son o mellor apoio que se pode prestar ás familias con fillos.
O presidente da Xunta aseverou que con esta mostra debúxase un camiño de mulleres para mostrar que a súa pegada xamais volverá a ser borrada da historia, senón que servirá como impulso para as que veñen detrás.
Durante a súa intervención, Feijóo referiuse tamén á violencia de xénero; “unha lacra da que temos que seguir falando, contra a que temos que seguir loitando e dicíndolle ás vítimas que non só están amparadas pola lei, senón tamén pola sociedade enteira”.

https://www.youtube.com/watch?v=ZkoYdhDZT6k

Related Posts

Load More Posts Loading...No More Posts.