O Atlético de Ribeira perde contra o Santiago B na final da Copa do Sar

O campo de A Fieiteira acolleu o pasado sábado a final da Copa do Sar xuvenil. Un partido no cal o Atlético Ribeira e o Santiago B disputaban polo título de campión e ao que asistiron máis de 500 aficionados. O poderío físico dos composteláns foi decisivo e condicionou o partido desde o primeiro minuto, alonxando o título das vitrinas dos locais.

O Santiago, que xogou con varios mozos de División Nacional, exerceu unha gran presión sobre os celestes. O extremo dereita Tino Míguez explotou a súa velocidade desde o minuto un, polo que a defensa local non tivo nada que facer.

Despois de apurar a banda, cedeulle o balón ao seu compañeiro Antón Brea, quen marcou os tres primeiros goles dos visitantes nos minutos 6, 11 e 21. Antes do descanso, Xabier Castiñeiras puxo o 0-4 de cabeza á saída do córner.

Tras pasar polos vestiarios, os celestes melloraron e intimidaron a meta defendida por Diego Pérez. De feito, Treus foi o autor do primeiro tanto dos ribeirenses. O extremo colleu o balón no pico da área e puxo o definitivo 1-4.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.