Os Concellos De Lousame E Porto Do Son Inician O Seu Obradoiro De Emprego Conxunto O Vindeiro Luns

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, presentaron esta mañá o obradoiro de emprego conxunto que os dous Concellos comezarán o vindeiro luns, 1 de setembro. Nesta iniciativa mixta de formación e emprego participan vinte persoas dos dous municipios, que estaban en situación de desemprego e que durante seis meses aprenderán e traballarán nas especialidades de atención sociosanitaria ou de albanelería.

Teresa Villaverde emprazou aos alumnos-traballadores a aproveitar o obradoiro todo o posible: “agardo que aprendades moito e que vos sexa de moita utilidade como capacitación para a vosa vida laboral”. Na mesma liña, Luis Oujo explicou que “entrar no mercado laboral nestes momentos é complicado, pero con formación seguro que vos vai resultar algo máis doado” e pediulles aos participantes “todo o empeño no obradoiro, por vós mesmos e por respecto ás persoas que non puideron acceder”. Os dous rexedores municipais agradeceron que a Consellería de Traballo e Benestar lles concedese o obradoiro.

Na parte práctica do obradoiro, a especialidade de albanelería estará dividida en dous grupos de seis persoas por cada concello, para facer máis operativa a organización. En Lousame, acometerán melloras no local social de Cruído, coa limpeza e xuntado de fendas na fachada, o recebado exterior, o pintado interior e exterior e o adoquinado do camiño de acceso. Tamén colocarán os axulezos nos baños do polideportivo da Silva, que se están construíndo. E por último intervirán no camiño interior da aldea de Chave, co rasanteo e formación das pendentes da ampliación e a ampliación do pavimento de formigón á totalidade do sobreancho.

En Porto do Son, as obras consistirán na humanización das rúas do casco orixinario da vila. Nas rúas de Outeiro Alto e Outeiro Baixo, rematarán o lastrado de granito, colocando adoquíns e selando e compactando as superficies recubertas. Tamén aprenderán e porán en práctica a aplicación das instrucións técnicas e o seguimento das prescricións de seguridade e saúde no traballo.

En canto á especialidade de atención sociosanitaria, o aprendido nas sesións teóricas será posto en práctica con coidados xerontolóxicos nos centros de día de Lousame e de Porto do Son.

O equipo do obradoiro está integrado por unha directora, dous mestres de albanelería, unha docente de atención sociosanitaria, unha mestra de educación secundaria e unha auxiliar administrativa. Contará en todo momento tamén co apoio e seguimento dos axentes de emprego e desenvolvemento local dos dous Concellos.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.