Esta semana está chea de actividades culturais destinadas a todos os públicos. Na Pobra estase a desenvolver a Semana do Mar. Hoxe o protagonista foi o Turismo Mariñeiro, e mañá tomará a testemuña unha actividade na que se afondará na salgadura e se desenvolverá na praia da Laxe con José Manuel Vázquez Lijó a partir das 20.30 horas. O xoves será a quenda dunha andaina na que se percorrerán os principais puntos da industria conserveira e que está programada para as 20.30 horas.
Porto do Son encheuse de artesanía por segundo verán consecutivo. A fachada marítima sonense acolle dende o día 8 a Feira da Artesanía, que poderá visitarse ata o 25 de xullo. Nela poden atoparse numerosos postos dedicados a diferentes sectores. Non faltan os artigos de coiro, téxtiles ou xoiería. Tamén se inclúen postos con produtos alimenticios e de hostalería onde degustar cócteis e batidos.

