Mariscadores do pósito de Aguiño manifestáronse en San Caetano reclamando unha solución

Esta mesma mañá ao redor duns 200 mariscadores de Aguiño transladáronse ata Santiago de Compostela para manifestarse diante da Xunta de Galicia. Esixen que se lle dea unha solución, dunha vez por todas, ao conflito existente na zona do Carreiro en torno á extracción de navalla.

A disputa entre as cofradías de Aguiño e Ribeira parece que non chega ao seu fin. As embarcacións de Aguiño impídenlle faenar ás de Ribeira, xa que consideran que O Carreiro non é de libre marisqueo senón que pertence ao pósito aguiñense.

Dende a cofradía de Aguiño alegan que isto se debe a unha mala medición dun topógrafo da Consellería do Mar que non se corresponde coa que eles teñen e ten supremacía sobre a súa. Ademais, sinalan que se trata dunha franxa que sempre coidaron e traballaron eles.

Por esta razón, piden á Consellería que tome cartas no asunto e evite os enfrontamentos que se veñen dado entre as cofradías veciñas, así como unha reordenación para evitar problemas presentes e futuros.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.