O día non defraudou, cun vento do nordeste duns 10 nós na saída que aos poucos foi subindo até os preto de 20 nós que había na chegada e un sol que brillaba como poucas veces. Na saída da 14ª Volta a Ons (Memorial Rocío Betanzos Santamaría, Copa Galicia de Cruceiros) viuse a unha frota nerviosa nos primeiros instantes, que facían que o Comité de Regatas tivese que realizar unha chamada xeral debido a que varias unidades cruzaron a liña de saída antes do aviso. Á segunda foi a vencida e os barcos, despois de pasar pola baliza de desmarque, dirixíronse cara a unha baliza situada nas inmediacións da praia do Areal.
Xa nos primeiros instantes, o Bon III, de Victor Carrión, do CN Punta Lagoa, ensinou a popa ao resto da frota e non cesaría até cruzar a liña de chegada situada na punta do espigón do porto comercial da Pobra. As 5 horas e 25 minutos que tardou en realizar o percorrido valéronlle para levar o primeiro posto na súa clase e o primeiro posto na clasificación xeral, valedoira para a Copa Galica de Clubs. Segundo, tras o barco vigués, na clase ORC A, quedou o Ziralla Primero, de Ramón Barreiro, do Ro Yacht Club e terceiro o barco local Chispetrén, de Jesús Iglesias.
Na clase ORC B, o pobrense José Manuel Pombar e o seu Cámping Ria de Arousa, impúñase aos seus rivais. Segundo foi o Ronautica Marinas, de Joaquin Carneiro, do Ro Yacht Club, que a pesar de entrar 35 segundos por diante do pobrense, tras a compensación de tempos tería que conformarse coa segunda posición. Terceiro posto para o representante do CD Alagua da Guarda, o Nahela, de Victor Manuel Alvarez.
En ORC C, primeiro posto para o Orlando, de Gerardo Sánchez, que non deu opcións aos seus rivais. Segundo para o representante do Club Náutico de Boiro, Piko Norte e terceiro para o riveirense Galopín, que perdía posicións tras un erro no paso do Camouco, na parte norte da illa de Ons.
