Rianxo acollerá por terceiro ano consecutivo un curso de verán en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Este desenvolverase do 18 ao 22 de xullo e contará coa participación de prestixiosos arquitectos como, por exemplo, Alfonso Díaz Revilla ou Luz Paz Agras.
O obxectivo consiste en focalizarse sobre determinadas zonas da localidade, tanto urbanas como costeiras, para sometelas a labores de mellora.
O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, sinalou que este ano incorporarán unha pequena saída en barco coa finalidade de ofrecer unha nova perspectiva.
Xosé Manuel Vázquez Mosquera, director do curso, indicou que elixiron Rianxo porque se ve a transformación da paisaxe litoral. Pretenden así estudar a evolución histórica dun borde da ría perpretando na historia para atopar datos e, consecuentemente, poder actuar. Polo tanto, consistiría na recuperación de pequenos espazos que quedaron no esquecemento.
Pola súa parte, Sandra González Álvarez, secretaria da actividade, apuntou que o curso está destinado a tódalas persoas, sexan estudantes ou non. No caso do alumnado universitario, estes obterán créditos de libre configuración. O prezo da matrícula é de 20 euros para todo o mundo, exceptuando casos de situación de desemprego ou de familia numerosa, no que a cifra se rebaixa aos 15 euros.
O número de prazas dispoñibles é de 60 e a participación foise incrementando ano tras ano.