O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a convocatoria de dous tipos de axudas encamiñadas a crear emprego. Unha delas, dotada con 3 millóns de euros, aspira a chegar a 250 empresas e 400 autónomos que desexen crear iniciativas nas que se impliquen, cando menos, dúas persoas; e, a outra, cun orzamento de 2 millóns de euros, beneficiará a 130 desempregados de longa duración. As axudas para contratar parados de longa duración poderán solicitalas empresas que inclúan a unha destas persoas nos seus cadros de persoal entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro. Teñen dúas modalidades. A primeira dedícase a promover que se asine de inicio un contrato indefinido e disporá de 10.000 euros por persoa, 15.000 se é muller e un 15% máis se é para traballar nun concello rural. Se as tres cuartas partes do persoal da empresa teñen un contrato indefinido, os importes serán de 15.000 e 20.000 euros, respectivamente. A segunda modalidade impulsa a transformación de contratos temporais en indefinidos con 2.500 euros por persoa, 5.000 se é muller ou 5.000 por persoa, 7.500 se é muller, no caso de que a empresa conte con máis dun 75% de indefinidos. Todos eses importes serán un 15% superiores para aquelas empresas dos concellos rurais.
No caso das axudas para autónomos, poderán beneficiarse aquelas persoas que se desen de alta no 2016, ata o 30 de setembro. Impulsará iniciativas nas que se impliquen alomenos dúas persoas, ata chegar a unhas 250 empresas e 400 autónomos. Estes apoios teñen catro modalidades, compatibles entre si. As axudas para xerar emprego estable; as destinadas a formación, que cubrirán ata o 75%; as que cofinanciarán os gastos propios do inicio da actividade como autónomo; e, as orientadas a mellorar a conciliación financiando ata o 75% do custe da gardería para os fillos menores de 3 anos cun máximo de 3.000 euros.