Dende o BNG pobrense sinalan que a aprobación do actual Plan Xeral de Ordenación Municipal implica a imposibilidade de urbanizar no complexo litoral da praia da Corna, cualificando o chan como rústico de protección das costas e zona marítimo terrestre. Isto supón unha protección urbanística, mais tamén se precisa dunha medio ambiental porque este ecosistema dispón dunha ampla riqueza ecolóxica e biolóxica.
Tamén denuncian que o uso público do espazo natural atópase absolutamente desordenado; a aparición de novas vías de acceso rodado e a consecuente invasión de máis superficie do ecosistema; a ocupación de gran parte da duna vexetada por parte de aparcamentos esporádicos; a inexistencia de sinalización ou paneis informativos; e, a incapacidade das sendas de madeira de frear a aparición de novos camiños á praia.
Por todo isto, dende o grupo municipal do BNG propóñenlle á Corporación tomar unha serie de medidas entre as cales se atopan que o Concello da Pobra do Caramiñal inste á Xunta de Galicia a iniciar o procedemento de declaración como protexido do ecosistema litoral da Corna; que se inicie a redacción dun Plan de Conservación; que o Concello proceda a ordenar o espazo natural; que se inicie a redacción dunha normativa específica para a preservación da riqueza natural do complexo; que se instalen as debidas sinais e paneis informativos; que se habilite un aparcamento en boas condicións; e, que o Concello emprenda accións de sensibilización medioambiental vencelladas co espazo natural da praia.
https://www.youtube.com/watch?v=0efZuQWtWDw