A XXVIII Gran Gala Dolmen de Ouro 2016 terá lugar o venres 2 de setembro ás 21 h. no Pazo de Lestrove, segundo explicaron dende a FEB. Neste evento a Federación contará coa colaboración do concello de Dodro.
O sistema de concesión dos premios non varía con respecto ao instaurado nas dúas últimas edicións de Noia 2014 e Rianxo 2015. Volverá a haber 6 categorías: empresa familiar, implantación de I + D+ i, internacionalización, excelencia na xestión, promoción turística e iniciativa emprendedora; podendo presentar as asociacións que forman parte da FEB as empresas que consideren candidatas. O fallo dos premios emitirao outra vez un xurado profesional externo pendente de confirmar.
Trala excelente acollida das dúas últimas edicións, o desenvolvemento do acto será similar buscando a súa fluidez e propiciando o contacto entre os asistentes.
Tamén como nas últimas edicións temos previsto celebrar unhas xornadas técnicas empresariais como complemento ao propio acto do Dolmen.