Sin categoría

A cofraría de A Pobra do Caramiñal sinala que tomará medidas contra o mariscador que agrediu á secretaria do pósito

Na cofraría de A Pobra do Caramiñal aínda non dan crédito ao acontecido na tarde do mércores. A secretaria da sede da entidade foi presuntamente agredida por un mariscador ao recibir un puñetazo, razón polo cal tivo que ser hospitalizada. O golpe produciuse durante o transcurso dunha pelexa que mantiña o mariscador, duns 40 anos e que responde ás iniciais S. G. S., cun gardapesca da cofraría por unha sanción que lle fora imposta.

A orixe do conflito entre os dous individuos tivera lugar horas antes do altercado. O mariscador parece ser que discutira co gardapesca ao non deixarlle sembrar unha cantidade de ameixa sen o seu consentimento. Pero a disputa foi a máis, polo que o empregado da cofraría optou por tramitar unha multa contra o individuo.

Pouco despois, o mariscador acudiu aos despachos do pósito para reclamar explicacións sobre a sanción. Alí foi atendido pola secretaria da entidade quen lle requeriu paciencia ao non estar dispoñible o gardapesca nese mesmo momento. Aos poucos minutos, o gardapesca apareceu e foi entón cando comezou a trifulca entre ambos. Un técnico da confraría intervíu collendo pola forza ao mariscador para separalo e levalo á saída. Cando semellaba que este xa estaba calmado, conseguiu que o técnico o soltase, e nese momento aproveitou para entrar novamente nas dependencias co obxectivo de pegarlle ao vixilante. Pero a mala sorte fixo que o golpe o recibise a secretaria.

A forza do puñetazo reventoulle o globo ocular polo que tivo que ser trasladada ao Hospital da Barbanza e derivada ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela para ser operada de urxencia. A vítima atópase na súa casa, mais existen moitas posibilidades de que poida perder a visibilidade nese ollo.

Dende a cofraría de A Pobra do Caramiñal sinalan que nunca antes se dera unha situación semellante con mariscadores e ademais que tomarán medidas.

O mariscador foi detido e levado ás dependencias policiais.

Salir de la versión móvil