O alumnado de 4º da ESO do Galaxia festexou a súa graduación

O colexio Galaxia celebrou hoxe o primeiro acto de graduación dos seus alumnos de 4º da ESO. A cita tivo lugar a partir das 11:30 da mañá no auditorio municipal de Ribeira. A ilusión, a alegría e, por suposto, a emoción apoderouse de todos os asistentes entre os que se atopaban profesores, familiares e estudantes. No escenario todo estaba preparado para acoller o discurso do xefe de estudos, José Manuel González Fernández; da directora, Ana Amado Reino; da madriña da promoción, Concepción Rey Baz; e dos titores das dúas clases, Francisco Javier Luaces Lijó e Beatriz Paz Cadabal. Tan só había palabras de agradecemento e ánimo para o alumnado.

Tamén se lles pedía que recordasen ao centro, profesores e compañeiros do mesmo xeito que o farán eles.

A continuación, os titores procederon á entrega de diplomas acompañados dunha rosa.

Ademais, varios alumnos, en representación das clases de A e B, quixeron aproveitar a ocasión para dar as gracias por todo o apoio que sempre se lles brindou e agasallar aos seus respectivos titores con diversos detalles.

A velada foi amenizada por actuacións musicais a cargo de compañeiros doutros cursos. Primeiro, un rapaz provisto dun saxofón e dúas rapazas con pandeiretas tocaron cancións como a popular ‘A saia da Carolina’ para máis tarde dar paso a outra estudante que interpretou unha canción.

Agora remata para eles unha etapa que nun futuro recordarán con morriña. Pero que non decaia o ánimo, porque de seguro comeza outra que resulta prometedora.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.