Feijóo sinala a importancia da FP Dual

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, sinalou esta mañá que a Formación Profesional Dual de hoxe é o mercado laboral de mañá e destacou o esforzo da Xunta de Galicia por ampliar o seu currículo e conectala co tecido empresarial.
Durante unha visita ao CIFP Politécnico de Lugo, Feijóo lembrou que foi atendendo a estas dúas premisas como naceu o que hoxe coñecemos como FP Dual. Esta vén a ser unha modalidade máis flexible da Formación Profesional que alterna a formación teórica coa formación práctica nunha empresa. Nesta liña, aseverou que o CIFP Politécnico de Lugo é un claro exemplo de como se están a deseñar desde Galicia os novos ciclos de FP Dual.
Así mesmo, Feijóo subliñou o esforzo investidor que a Xunta leva feito para potenciar esta modalidade de estudos, como proban os máis de 6 millóns de euros investidos en 2015 para dotar de equipamento específico, como mobiliario e material informático, os centros galegos de FP. Feijóo avogou tamén por seguir potenciando o apoio das empresas e, con este fin lembrou que, no curso 2015/2016 xa funcionan acordos de FP Dual en colaboración con 70 empresas nos que participan 350 estudantes.
No relativo á oferta de estudos, afirmou que o vindeiro curso reforzaranse as prazas de FP Dual nun 45%, polo que se ofertarán 16 ciclos dos que 8 son completamente novos. Tamén se creará un cupo específico para o alumnado procedente da FP Básica, que terá acceso directo aos ciclos de grao medio.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.