As conselleiras de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, presentaron hoxe unha iniciativa. A Xunta de Galicia investirá preto de 1’3 millóns de euros no primeiro Plan de acción global contra os danos ocasionados polo xabaril. O obxectivo é previr e minimizar os danos que causa esta especie na nosa comunidade autónoma, ao tempo que se preserva a conservación destes animais.
A poboación do xabaril é abundante en toda Galicia, constitúe un expoñente da rica biodiversidade da comunidade e é un elemento de equilibrio biolóxico no seu contorno. Segundo os últimos datos dispoñibles, as zonas con maior densidade de poboación da especie concéntranse no interior da Coruña, na comarca de Ferrolterra e, en zonas do interior de Ourense e sur de Lugo.
Para facer fronte a esta situación, o Goberno galego impulsa un Plan de acción transversal, resultado dun traballo no que tomaron parte as consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Infraestruturas e Vivenda, e Medio Rural; o Ministerio de Fomento; a Dirección Xeral de Tráfico; a Garda Civil; e a Federación Galega de Caza.