O Concello de Ribeira implanta unha serie de medidas para a celebración das fogueiras de San Xoán

Con motivo da celebración da festa de San Xoán é preciso extremar a precaución para evitar calquera tipo de incidente e garantir unhas adecuadas condicións de limpeza dos espazos públicos. Desde o Concello de Ribeira apuntan que para a realización dunha cacharela é necesario presentar a solicitude correspondente no Rexistro Xeral do Concello antes da 13:30 da tarde do día 20 deste mes. Nesa petición débese indicar o nome, enderezo, teléfono, correo electrónico e fotocopia do D.N.I. dos responsables da organización, con indicación clara do lugar de celebración, tipo de fogueira e características do terreo onde se pretende realizar.

O montón de materiais que formen a cacharela non poderá exceder os tres metros de altura, salvo casos concretos debidamente xustificados polas especiais medidas de seguridade adoptadas, coma o caso da fogueira de San Xoán de Palmeira.
Entre outras medidas preventivas figura a prohibición da queima de todo tipo de residuos polos gases tóxicos que desprenden. Ademais, con carácter xeral, non se permitirá facer fogueiras sobre os areais e, moito menos, naqueles pertencentes aos espazos naturais protexidos coma é o caso do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e Complexo Húmido de Corrubedo. Tampouco nas praias de Espiñeirido, Balieiros, Ladeira, Lagoa, Vilar, Anguieiro, Penisqueira, Celeiráns, Muralla, Tasca, Catía, Castro, Coroso e Corna ao estar incluídas no Plan de conservación da píllara das dunas.
Finalmente, será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento da cacharela ou sardiñada, nun prazo máximo de doce horas despois de rematada.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.