A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), iniciará hoxe a execución dunha senda peonil que dará continuidade á xa existente no núcleo da Mata, no Concello de Noia.
Estas obras foron adxudicadas a Construcciones Vázquez y Reino por máis de 47.000 euros e teñen un prazo de execución dun mes.
A actuación desenvolverase na marxe esquerda da estrada autonómica que comunica Cee e Ribeira (AC-550). O seu obxectivo é habilitar un itinerario peonil desde a glorieta da VAP Brión – Noia, próxima á ponte de Seilán, ata o lugar de Orro, situado á entrada de Noia, para dotar a este treito da estrada, que na actualidade non conta con beiravía, dunha zona diferenciada para o tránsito de peóns.
A actuación desenvolverase dentro da zona de dominio público da estrada, polo que non require de expropiacións, compatibilizando así a mellora do tránsito cunha mínima afección para os veciños
Como obras complementarias, construiranse muretes de contención do terreo nos puntos que sexa necesario polo desnivel do mesmo, e deixarase instalada unha canalización para alumeado.
https://www.youtube.com/watch?v=YkjxAA0LPbs