O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta destinará preto de 20 millóns de euros derivados dos recursos adicionais do cumprimento do déficit para, no rural, mellorar a base territorial das explotacións, contribuír a diversificar as oportunidades e responder a diversas necesidades conxunturais, así como, no eido da pesca, mellorar as infraestruturas portuarias.
Máis polo miúdo, Feijóo destacou que nos próximos meses se inxectará unha achega de 4,2 millóns de euros para pechar as concentracións xa moi avanzadas e para decretar novas zonas de reestruturación.
Tralo consello, Núñez Feijóo, salientou tamén o aumento nun 25% o número de obradoiros de emprego autonómicos, que pasan de 80 a 100.
Estes obradoiros durarán seis meses, durante os cales a Xunta financiará o soldo dos participantes e a súa contribución á Seguridade Social, así como o dos docentes e o dos administrativos que xestionen o proxecto. Pola súa banda, os concellos encargaranse da organización directa dos cursos, a selección dos profesionais que os levarán a cabo e a relación cos participantes. Isto pon de relevancia, tal e como subliñou o presidente, “a importancia da colaboración entre institucións”.
No tocante as lanzadeiras de emprego, Feijóo afirmou que contarán un orzamento de preto de 3 millóns de euros e beneficiarán a 1.680 persoas. Son programas moi prácticos que tamén contarán cun programa específico para beneficiarios da Risga. Neles subvencionarase 3.000 euros por participante, en lugar dos 2.400 euros dos programas ordinarios.
https://www.youtube.com/watch?v=5MYFZ6p5e-E