A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co presidente e cos alcaldes dos municipios que conforman a Mancomunidade Arousa Norte (Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo) para abordar actuacións para a mellora da mobilidade e incremento da seguridade viaria nas estradas autonómicas ao paso por estes concellos.
Vázquez explicou que na estrada Padrón-Ribeira (AC-305), que vertebra os concellos da marxe dereita da ría de Arousa, a Xunta vai executar traballos de mellora do firme no verán, supoñendo un investimento de preto de 680.000 euros. A intervención incidirá no incremento da seguridade, pero tamén nunha maior comodidade nos desprazamentos, tanto para os usuarios desta vía, moi frecuentada no verán, como para os veciños dos municipios beneficiados.
O Goberno galego tamén vai levar a cabo reforzos de firme na estrada que une Cee e Ribeira (AC-550), unhas melloras que comezarán no mes de xuño e que suporán un investimento global de 764.000 euros.
Vázquez Mourelle indicou que o seu departamento non só está a traballar no reforzo de firmes nas estradas, senón que tamén se están a construír sendas nos municipios da Mancomunidade Arousa Norte.
Nos últimos anos, e no que respecta ao concello de Ribeira, leváronse a cabo dúas actuacións para favorecer o tránsito peonil: a construción de beirarrúas para completar o itinerario peonil ao longo de toda a estrada entre Oleiros e Corrubedo, que se rematou en 2014; ou a dotación de beirarrúas en San Martiño, na estrada Cee-Ribeira (AC-550), en 2015.
A conselleira lembrou que a Xunta tamén está a reforzar a sinalización horizontal e vertical nos enlaces da Autovía do Barbanza para evitar a entrada de vehículos en sentido contrario. Estas medidas están consensuadas e coordinadas coa Garda Civil e coa Dirección Xeral de Tráfico.
O Presidente da Mancomunidade e alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, agradeceu a visita da conselleira e tamén as actuacións de mellora que se realizan nos concellos da mancomuidade.
Ethel Vázquez indicou que estes reforzos de firme que se van realizar nas estradas do Barbanza executaranse mediante o emprego de mesturas bituminosas con betúns mellorados con caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, o que significa unha aposta pola sostibilidade
https://www.youtube.com/watch?v=GEvzIyilkM4