O titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu onte ao presidente da República de Cuba, Raúl Castro, a cordialidade do pobo cubano e confirmou o interese do país por concretar colaboracións en sectores como o agroalimentario, o biotecnolóxico, o enerxético e o das TIC. “Agradecer ao presidente Raúl Castro a deferencia que tivo de volver a recibirnos e de poder ter unha longa reunión durante a cal falamos da evolución de Cuba e do novo momento político que está vivindo a illa, das relacións entre Cuba e Estados Unidos e, por suposto, de Galicia”, aseverou.
Nesta liña, Feijóo valorou moi positivamente o feito de que o presidente de Cuba coñecese o contido das reunión mantidas nesta viaxe con 10 ministerios do seu goberno, así como co vicepresidente do Consello de Ministros, Ricardo Cabrisas, e coa Cámara de Comercio de Cuba; e o interese por concretar distintas actividades económicas que se poden levar a cabo entre o pobo cubano e o galego.
Logo da reunión co presidente da República de Cuba, o titular da Xunta asistiu á presentación do espectáculo ‘Son galego, Son cubano’ do artista galego Roi Casal, coa participación especial de Pablo Milanés e Nando Casal en homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas. Un espectáculo no que se escoitaron as letras de Neira Vilas da man de músicos dun lado e outro do Atlántico –Roi e Nando Casal por parte de Galicia e Pablo Milanés polo lado cubano-.
Coa asistencia á este espectáculo, o titular da Xunta concluíu a súa visita a illa; unha viaxe que cualificou de “punto e seguido” nas relacións bilaterais entre Cuba e Galicia.
“Foi unha viaxe plena, desde o punto de vista institucional, porque celebramos o XI Consello das Comunidades galegas, nun lugar histórico e simbólico para a emigración, como é o Centro galego da Habana, actual Teatro Nacional. E, tamén desde o punto económico, porque tivemos ocasión de manter reunións ao máis alto nivel co Goberno cubano”, sentenciou.
Nesta liña, Feijóo fixo fincapé en que este momento de apertura de Cuba ao resto do mundo “é un momento que Galicia non pode perder”; “un momento histórico no que Galicia ten que volver a estar presente en Cuba con intensidade e onde Galicia pode representar ao conxunto de España e pode ser a porta de apertura de Cuba a Europa”. “E ímonos cunha axenda económica aberta… En definitiva, foi unha viaxe completa na que constatamos que Cuba quere seguir tendo contacto con Galicia, quere tratar con Galicia para, a partir de aí, seguir tratando con España”,concluíu.
https://www.youtube.com/watch?v=w6mhNLLw-Zs