Nova semana para os conxuntos da comarca na Primeira Autonómica. Chegado este tramo da tempada, tódolos equipos se xogan algo. Por un lado o Cidade de Ribeira visita ao Cruces, que ocupa o cuarto posto na táboa. Os de Manuel Ángel veñen dun empate na casa sen goles fronte ao Praíña, polo que tentarán recuperar a senda da vitoria fronte a un Cruces que vén de perder na casa do Taragoña. O encontro terá lugar o domingo ás 16:15 horas no Municipal de Camballón.
Doutra banda, o Taragoña buscará entrar nunha boa dinámica de resultados fronte a un rival directo como é o Val do Ulla. Os rianxeiros veñen de lograr seu primeiro triunfo na tempada 4-3 fronte ao Cruces. En caso de vencer, o Taragoña volvería a meterse na pomada e collería folgos para a fase pola permanencia. O partido disputarase o domingo ás 17:00 horas no Campo do Coto.
O Unión, pola súa parte persegue manterse na parte alta da táboa, e lograr súa cuarta vitoria consecutiva fronte ao colista, o Esclavitud. Os de Asados aínda non saben o que é non gañar nesta segunda volta, e tentarán emular o arranque ligueiro no que só sabían sumar de 3. O Campo Municipal de Vilas acollerá o partido a partir das 17:00 horas do domingo.
No Grupo da Costa, o Volantes de Baño recibirá ao segundo clasificado, ao Mazaricos. Os muradáns son actualmente sextos na clasificación e veñen de dous tirunfos consecutivos. O obxectivo non é outro que sacar os tres puntos na casa e comezar a achegarse aos postos altos da táboa. Mañá sábado disputarase o encontro a partir das 16:15 horas no Eleuterio Balayo.