O Goberno galego orienta 27 millóns a facilitar financiamento a pemes e emprendedores e a crear 700 empregos na contorna rural.

Por terceira semana consecutiva, o Consello da Xunta volveu deliberar sobre o uso que darlle aos fondos extra dos que dispón Galicia grazas ao cumprimento do déficit. Despois de aprobar un primeiro paquete de prioridades destinado á infancia e á mocidade e un segundo orientado a mellorar as condicións de vida das familias galegas en diferentes ámbitos, hoxe anunciouse un novo paquete de medidas orientado a reforzar o noso tecido produtivo e a xerar emprego. Así o explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda na rolda de prensa trala celebración do Consello.
As liñas de financiamento artellaranse a través de préstamos e avais do Igape. Suman 20 millóns, que permitirán mobilizar 100 millóns neste 2016. O primeiro destes instrumentos financeiros apoiará ata o 70% do investimento a realizar. O segundo amplía os fondos destinados a facilitar o acceso ao capital a través da achega de garantías, tanto a través das sociedades de garantía recíproca como de avais do Igape. Por outra banda, as axudas para a contratación no rural suman sete millóns de euros, que financiarán ata o 100% do custo salarial de 700 novos contratos.
Alfonso Rueda, anunciou tamén a activación do programa Principia, que vai apoiar que as empresas e centros de coñecemento galegos (como universidades, fundacións e centros tecnolóxicos) contraten ata 300 investigadores menores de 35 anos.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.