Medio Rural duplica os fondos das axudas para a reforestación e creación de superficies forestais, que pasan de 2,5 a 5 millóns

A Consellería do Medio Rural amplía a dotación orzamentaria das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais. En concreto, duplícase o orzamento, ao pasar dos 2,5 millóns de euros iniciais a 5 millóns. Nos vindeiros días publicarase, ademais, a ampliación de crédito da orde de silvicultura, cun importe que pasará dos 6 aos 11 millóns de euros. Así o anunciou no Parlamento a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, en resposta a unha pregunta sobre o tema.
A conselleira destacou tamén que a Xunta duplica este ano o investimento produtivo no monte, ao pasar de 24,9 a 50,8 millóns de euros.

Ángeles Vázquez centrou boa parte da súa intervención en explicar o traballo da Xunta en materia de loita contra os incendios forestais. Neste sentido, lembrou que a Administración galega investiu aproximadamente 22,1 millóns de euros no 2015 para a realización de actuacións preventivas dirixidas ao territorio.
Por outra banda, en resposta a unha pregunta sobre o tema, a conselleira sinalou que a Xunta reforzou no 2012 o dispositivo de loita contra os lumes forestais coa creación dun total de 436 postos de traballo para a prestación dun servizo fixo-discontinuo durante tres meses nas campañas de verán.
Ademais, indicou que neste 2016 a Xunta vén de aprobar a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración autonómica e dentro dela vai a oferta de 188 postos do Servizo de Promoción e Defensa contra os Incendios Forestais. Deles, 94 son de acceso libre e outros 94 para promoción interna.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.