A Banda Municipal de Música de Lousame celebrará este sábado 28 de maio o seu 20 aniversario cunha serie de actividades que terán lugar na Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame. Un programa que hoxe foi presentado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, a José López Calo, recoñecido musicólogo ao que a banda homenaxeou hai un par de anos e que este ano é o artífice da elección de Juan Montes para o concerto do vinte aniversario da Banda Municipal de Música de Lousame.
O programa de actividades comezará ás 17:00 horas coa inauguración da exposición “20 anos de música”, organizada pola Asociación Cultural Prudencio Romo, que recolle unha trinenta de fotografías destes vinte anos de vida da Banda lousamiana. Ás 17:30 horas será a hora do concerto homenaxe a Juan Montes, compositor lucense, profesor de música no Seminario de Lugo e organista e maestro de capela da catedral de Lugo.
O concerto contará con cinco pezas e durará case hora e media. As pezas do concerto serán introducidas polo sacerdote xesuita José López Calo, recoñecido musicólogo nacido en Porto do Son e que vivíu a súa infancia na parroquia de Vilacova (Lousame), que será tamén homenaxeado durante o acto.
O repertorio escollido polo director da Banda Municipal de Música de Lousame, Fernando Froján, é “unha viaxe por parte das pezas máis senlleiras de Juan Montes e todo un desafío para a nosa renovada banda de música”.
Os actos pecharanse ás 19:00 horas coa proxección da primeira actuación da Banda Municipal de Música de Lousame.
https://www.youtube.com/watch?v=x4pP3AypImY