A consellería do mar destinou máis de 10 millóns de euros para a realización de 1.800 proxectos de modernización en buques pesqueiros

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, inaugurou esta mañá as xornadas Una apuesta por la renovación de la flota pesquera. Innovación en construcción de buques pesqueros, celebradas no marco da feira Navalia. Nela trasladou que o Goberno galego destinou nos últimos anos máis de 10 millóns de euros para a realización de 1.800 proxectos de modernización en buques pesqueiros. Así, ao abeiro destas achegas, mellorouse a seguridade a bordo, as condicións de traballo dos tripulantes, a hixiene, a calidade dos produtos, o rendemento enerxético dos buques e fomentouse a substitución de motores, entre outros aspectos.
Rosa Quintana lembrou que o Goberno galego apostou pola homoxeneidade entre os aspectos ambientais, sociais e económicos na proposta que fixo Galicia para a reforma da Política Común de Pesca (PCP) porque, sinalou, “de pouco nos servirían todos os barcos do mundo se non tivésemos peixes que pescar”.
Así, a conselleira fixo fincapé na importancia de traballar xuntos, sector e administración “para conseguir unha renovación efectiva”. Para isto, lembrou, Galicia opta a 158 millóns de euros do Eixe do FEMP de Fomento da Pesca Responsable para mellorar a competitividade de todas as frotas, priorizando á de baixura. Neste eido, recordou que o seu departamento traballa xunto co sector no desenvolvemento do Plan de Acción da Pesca Costeira Artesanal de Galicia. En relación coa frota de altura e grande altura, trasladou a vontade da Xunta de crear un marco que recoñeza o papel dos buques que faenan en augas internacionais e de terceiros países.

Na súa intervención, Rosa Quintana tamén fixo fincapé na importancia do sector pesqueiro galego. Así, reiterou que a nosa comunidade é unha das máis importantes en materia marítimo-pesqueira da UE, xa que conta con máis do 50% do emprego de España e do 10% da UE neste eido.
En relación coa frota operativa, a nosa comunidade conta con 4.438 buques que descargan case o 70% da pesca fresca de España e máis do 11% da da UE. Desta frota, máis dun cento de barcos son de altura e grande altura que empregan directamente a máis de 1.500 mariñeiros e armadores, sinalou.

A Feira Internacional da Industria Naval-Navalia abriu as súas portas onte martes e permanecerá ata mañá xoves.

https://www.youtube.com/watch?v=OKUuiovQ0pM

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.