Esta mañá o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, reuníronse para tratar os proxectos de maior interese para o municipio en materia de infraestruturas e servizos sociais. Un dos máis destacados foi a nova residencia de maiores que albergará o concello, da que xa se entregou o proxecto de derribo da estrutura da antiga discoteca Hesta Kurba onde se emprazará. Trátase dunha residencia piloto, que contará con 100 prazas, e que é un dos proxectos que Galicia presentou para ser financiado con fondos europeos. Ribeira tamén contará cun punto de encontro familiar dende finais de xaneiro, que será o oitavo en Galicia.
En materia de estradas, Feijóo incidiu na previsión de que as obras da primeira fase da actuación da variante de Ribeira se poidan licitar en 2022, toda vez que xa se atopa en redacción. Ademais, lembrou a adxudicación por parte da Axencia Galega de Infraestruturas no mes de xullo de 2021 do contrato de redacción do proxecto construtivo para a recuperación da identidade urbana da estrada AC-305 na travesía de Palmeira.
A maiores, abordaron tamén os avances nas novas infraestruturas portuarias, como a remodelación do porto de Palmeira, unha actuación que está en fase de redacción e enmárcase no convenio de colaboración asinado en xaneiro de 2021 pola Xunta e a Fundación RIA
No que respecta ao novo parque empresarial que o concello está a promover tamén en Palmeira, Feijóo ratificou o compromiso da Xunta de cofinanciar as obras de saneamento consistentes na execución de 1,5 km de tubaxe de saneamento que se conectaría co polígono de Xarás.