O Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira acollerá ata o 29 de xaneiro a mostra “Luarada”, que ten á ribeirense Carmen Sampedro como comisaria. A exposición está formada por obras de 17 artistas que integran o colectivo Galeoska.
Este grupo, que naceu no 2017, vén organizando dende os seus comezos todo tipo de iniciativas tales como xornadas formativas e informativas sobre a arte, feiras, mostras colectivas ou individuais, coa igualdade e a cooperación como premisas. Desta vez presentan “Luarada”, onde mesturan varios estilos artísticos: dende o realismo, impresionismo, expresionismo, arte abstracto ou collages.
Os 17 artistas son: Anatadocamilo, Bugallo, Carmela Taboada, Carmen Sampedro, Chus Gómez, Isabel Soutullo, Josecho González, José Miranda, Lola Sanz, Manuel García, Marcos Soto, María José Puente, María R, Marisé Cada, Marga Santiago, Ollalla C Buceta e Sergio Ribeiro.
“Luarada” pódese contemplar no Lustres Rivas en horario de luns a venres de 10 a dúas da tarde e de sete a nove, e os sábados de 11 a dúas horas. A entrada é gratuíta.