O CD Boiro vén de emitir un comunicado nas súas redes sociais no que informa do aprazamento do encontro que os enfrontaba co Fisterra, correspondente á xornada 13 do campionato ligueiro. O motivo é a incidencia da pandemia tanto no Concello como no equipo, xa que contan con varios positivos rexistrados nos últimos días. A Federación Galega de Fútbol confirmou a decisión e anunciou que o partido deberá xogarse nunha data por concretar entre ambos conxuntos.
Doutra banda o partido entre o Sigüeiro e o Puebla si se xogará, e terá lugar finalmente mañá sábado a partir das 16:30 horas no Lino Balado. Un encontro clave para os de Jesús Mella, que de vencer, meteríanse de cheo na loita polos postos de promoción de ascenso.