O compromiso da Deputación da Coruña de reforzar os programas de protección social, reflectido nos orzamentos aprobados para o ano 2022, toma forma coa publicación das bases do do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, que alcanza os 8,2 millóns de euros.
A institución provincial acaba de publicar no BOP as bases da convocatoria deste programa, ao que poden concorrer todos os concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes e que se destina a financiar a contratación de persoal técnico e administrativo especializado na área de Servizos Sociais, así como os servizos de axuda no fogar.
O incremento orzamentario deste programa, que pasou de 4 a 8,2 millóns de euros durante o mandato de Valentín González Formoso, permite que os concellos contraten cada ano arredor de 180 profesionais e financien 370.000 horas de servizo de axuda a domicilio, un servizo esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destaca que “seguimos a cumprir co noso compromiso de reforzar os programas de protección social dos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia e axudarlles a facer fronte aos efectos da pandemia”