Os atletas Iago Abeledo Iglesias (CDM Xesteiras) e Olalla Conde Seoane (independente) gañaron con autoridade o V Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede”, que tivo lugar esta mañá polos montes lousamiás. No trail curto volveu a impoñerse por segundo ano consecutivo Rubén Martínez Mayo (Club Atletismo Negreira), quen estivo acompañado por Verónica Calvo Dopazo (Tribu Trail).
A choiva foi a gran protagonista da xornada. Se ben non caeu con excesiva forza, salvo en ambas saídas dende a área recreativa de San Mamede, choveu durante toda a madrugada do domingo e non parou ata as 15:00 da tarde.
Coa lesión de Elpidio Gómez, todas as miradas se volveron cara Iago Abeledo, que non decepcionou e marcou un tempo de 2 horas, 1 minuto e 41 segundos, marcando un ritmo de 5 minutos e 4 segundos por quilómetro e sacándolle máis de 2 minutos e medio ao segundo clasificado. Ese posto foi para Samuel Saborido Soñora (Tribu Trail). Completou o podio Sebastián Reboreda Lorenzo (Caminhata do Condado).
Na categoría feminina, o triunfo foi para a corredora independente Olalla Conde Seoane, posto 66 na clasificación xeral cun tempo de 2 horas, 44 minutos e 22 segundos. Completaron o podio do Trail Longo as atletas Tamara García Rodríguez (Club GTR), que entrou a máis de 3 minutos da gañadora e Loreto Rodríguez Martíntez (Atletismo Baiona).
No que atinxe ao Trail Curto, o triunfo foi por segundo ano consecutivo para Rubén Martínez Mayo, cun tempo de 1 hora, 21 minutos e 1 segundo. Na categoría feminina, Verónica Calvo Dopazo tomou o relevo de Aroa Sío e gañou cun tempo de 1 hora 46 minutos e 12 segundos, o que lle permitiu entrar no posto 30 da xeral.