Feijóo subliña que a fabricación do novo modelo na planta de PSA en Vigo incrementará ata 3.600 millóns de euros o investimento para o sector da automoción e da industria auxiliar

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, tras unha xuntanza cos directivos do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA) e do CTAG, que a fabricación do novo modelo asignado á planta PSA en Vigo incrementará ata 3.600 millóns de euros o investimento para o sector galego da automoción e a industria auxiliar.

Este novo modelo ademais de implicar un investimento de 640 millóns de euros, garante á planta unha produción de entre 450.000 e 500.000 unidades ao ano, e contribúe a que o peso da industria no conxunto do PIB de Galicia poida alcanzar no 2020 o 20%, o que axudaría a cumprir a previsión de crear 100.000 novos empregos na próxima década vinculados ao ámbito industrial. Así mesmo, subliñou que a industria de compoñentes incrementou no último ano o número de empregos en 1.000 novos postos de traballo.
Feijóo asegurou que a Xunta seguirá traballando con PSA, co CTAG e con CEAGA “desde o minuto un” para que este novo modelo deixe carga de traballo, emprego, facturación, exportacións, incremento da produción industrial e un maior peso da industria no PIB. “Seguiremos traballando, en definitiva, para que cada vez haxa máis pezas fabricadas en Galicia nos modelos de PSA e para que a innovación desde o CTAG siga sendo útil para a automoción”, afirmou.
Un paquete económico para a industria galega
Nesta liña, destacou a posta en marcha desde a Xunta dunha nova convocatoria para contratar ata 300 novos investigadores na comunidade autónoma, e avanzou, tamén, que no vindeiro Consello o Goberno galego concretará un paquete económico para toda a industria de Galicia —incluída a industria da automoción—, “que financiaremos co superávit de responsabilidade por ter cumprido o déficit público”.
O titular do Goberno galego concluíu felicitando a toda a industria de compoñentes e ao CTAG, e afirmou que ambos os dous, xunto coa eficiencia na produción, foron as tres claves para a adxudicación do novo proxecto V-20.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.