Fin de semana cultural en Lousame: inauguración da exposición do obradoiro de fotografía e homenaxe ao cura de Fruíme

O Concello de Lousame continúa coa súa programación especial neste Mes das Letras Galegas con dúas actividades culturais para esta fin de semana. Mañá sábado 21 de maio, ás 12:30 horas, a Casa da Cultura “Santeiros de Chave” acollerá a inauguración dunha exposición do alumnado do Obradoiro de Fotografía impartido polo Colectivo Olláparo (Boiro) entre os meses de febreiro e abril.

A exposición, que será inaugurada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e pola concelleira de Cultura e Xuventude, María Regenjo, recolle unha selección dos traballos realizados polo alumnado durante o curso: imaxes das distintas saídas á natureza, retratos e fotografías nocturnas. Unha exposición que poderá visitarse ata o 17 de xuño na Casa da Cultura de Lousame.

E para o domingo 22 de maio o Concello de Lousame ten programada unha homenaxe ao Diego Antonio Cernadas de Castro, que terá lugar ás 12:30 horas no atrio da igrexa de San Martiño. O acto constará da actuación do grupo de música tradicional “Cernadas de Castro”, da lectura dunha semblanza e poemas do cura de Fruíme e dunha ofrenda floral.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.