O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, respondeu esta tarde na Comisión 8ª do Parlamento a unha pregunta relacionada co reparto da cota de xurelo no sector do cerco. Alí destacou que este acordo “é un bo exemplo” para unha mellor xestión da pesqueira desta especie, xa que sinalou, este tipo de acordos, “deben ser propostos de mutuo acordo por todo o sector e non ser alterados unilateralmente polas Administracións polas imposicións dunha parte do sector”.
Neste sentido, o director xeral lembrou que foi a Administración galega, no seo da comisión sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca, a que propiciou os acordos acadados para o reparto da cota de xurelo de 2016. Fíxoo, subliñou, sentando a todos os representantes do sector e aos axentes sociais nunha mesa de negociación, celebrada o 11 de febreiro.
Juan Maneiro lembrou que este ano aos buques do cerco lle corresponden 13.603 toneladas de xurelo e que o que se acordou foi establecer un solo mínimo de cota de xurelo para todos os barcos en función dos seus GTs (capacidade do barco). Así, para os barcos de 0 a 5 GTs este mínimo estableceuse en 10.000 quilos, para os de 10-20 GTs en 20.000, para o tramo de 20 a 30 GTs o mínimo é de 25.000 quilos, para os barcos entre 30 e 40 GTs é de 30.000 quilos, para o tramo de 40-100 GTs é 40.000 quilos e para o de máis de 100 GTs o mínimo estableceuse en 50.000 quilos.
Segundo explicou o director xeral, ese solo mínimo non se establece só para o reparto deste ano senón que queda establecido de xeito permanente. Ademais explicou que a través deste acordo tamén se adquiriu o compromiso de que ningún barco tivera para 2016 unha cota de xurelo inferior á de 2015.
Pola súa banda, o BNG rexeita os criterios de reparto da cota do xurelo condonada. O parlamentario do BNG, Daniel Rodas preguntou ao Goberno polos criterios para o reparto da cota de xurelo condonada e se este modelo contribúe a mellorar as cotas de quen menos ten así como se é razoable que haxa barcos que teñan unha cota de 300.000 quilos mentres outros teñen unicamente 30.000 quilos.
Rodas explicou que a partir do ano 2014, o Estado español modificou o modelo de dereitos de pesca das especies peláxicas pasando, no caso do xurelo, dun criterio universal de 6.000 Quilos por embarcación e día a outro onde os supostos dereitos históricos levan o 70% do reparto.
O deputado lembrou que a Secretaría xeral comprometerase a dous anos de duración deste modelo, compromiso que non cumpriu e que os propios cerqueiros na reunión do mes de xaneiro co Magrama comprobaron que unha vez máis “foran enganados”.
https://www.youtube.com/watch?v=C9i52J6l5Ic