Logo do derbi disputado en Barraña a xornada pasada, o Boiro e o Puebla chegan cunha cara ben diferente. É curioso o que pode cambiar un gol no 90 unha clasificación. Agora mesmo os boirenses atópanse en postos de playoff con 16 puntos, e o Puebla cuarto por abaixo con 12 puntos. Esta semana ambos terán a súa oportunidade de gañar para meterse na loita, ou manterse, no caso dos de Barraña.
Os de Luis Carro visitan a un dos peores equipos da categoría, o Laracha que suma 9 puntos. Os boirenses son claros favoritos nun encontro no que se agarda que entre Mario Regueiro no 11 logo de ser o mellor xogador no derbi. Iso sí, os coruñeses melloran moito a súa imaxe nos últimos encontros, e veñen de dúas vitorias consecutivas, unha fronte ao Boimorto e a última contra o Vista Alegre. É un partido clave para que o CD Boiro enganche unha boa xeira de resultados que lle permitan manterse arriba. O encontro disputarse este domingo a partir das 16:00 horas no Municipal de Laracha.
Doutra banda o Puebla pechará a primeira volta recibindo a un dos favoritos ao ascenso, o Paiosaco. Os de Jesús Mella veñen dunha dolorosa derrota no derbi no último minuto e coa baixa de Viturro por cartón vermello. A boa noticia é que volve Serafín ao centro da zaga. O Paiosaco non sabe o que é perder desde o 10 de outubro. Os pobrenses non veñen no seu mellor estado de forma, sobre todo en canto a resultados, moitos deles inxustos. O encontro disputarase este domingo a partir das 16:15 no Campo da Alta.